Sélectionnez vos billets
Description de l'événement
FICHA ARTÍSTICA
Dirección: Carmen Conde, Dramaturxia: Carmen Conde, Narración oral: Carmen Conde, Elenco: Mariña Pena, Música ao vivo: Nastasia Zürcher, Voz en off actos: Antonio Otero, Voz en off avó materno: Diego Gallego, Voces en off “mafia”: Vituco Neira e David Barbas, Iluminación: Diego Gallego, Son: Ezequiel Orol, Produción: Diego Gallego, Produción executiva: Diego Gallego e Carmen Conde, Escenografía: Bieito Inc, Fotografía: Sabela Eiriz, Asesoría máxica: Mago Rafa, Coreografía: Lola Saltatore, Deseño de identidade: Hei Castro, Vestiario: Los alfileres de Elia, Asesoría xurídica: Xestiona (Santiago de Compostela), Distribución: Tarabela Creativa.
SINOPSE
Sempre se soubo, claro está, que as anduriñas son aves de bo agoiro, que alí onde aniñan traen fortuna, que anuncian a primavera e que os mariñeiros as tatuaban na pel por cada travesía da que lograban retornar. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente co seu canto agudo e de que enchen todo de excrementos. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as anduriñas, gañamos mala fama, aló onde fomos buscar a nosa boa sorte. Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquelo do que pouco se fala.
Trátase dunha traxicomedia en tres actos: Acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos e acto terceiro, os retratos. Nos que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas se contará a historia máis “incómoda” da nosa emigración. Empregando para isto tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se ubique naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará na metáfora do espello e do reflexo como leit motiv.) Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.
Politique d'accès
Para público adulto a partir de 16 anos